O Coro do Hospital de Lugo naceu no 1991 no antigo Hospital Xeral de Lugo. Como entidade ligada ao mundo sanitario participa nos actos culturais do novo complexo Lucus Augusti, en eventos do Colexio Médico, da Escola Universitaria e do Colexio de Enfermería. Fóra de Galicia actuou en León, Ávila, Toledo, París, Viena, Praga, Budapest, Roma (Basílicas de San Pedro, Santa María Maggiore e igrexa española de Santiago de Monserrat). No 2007, co gallo do Centenario do Centro Gallego, convidada polo «Instituto de Cultura Galega», viaxou ata Buenos Aires, onde celebrou tres concertos. En Portugal ten participado en Linda-Velha (Lisboa) e nos Encontros musicais en Terras da Feira (Casa da Gaia, Argoncilhe) e Póvoa de Varzim. Participou nos Certames da TVG «Con Música Propia», Corais galegas «Vila de Marín» e «Galicia Canta», por Fecoga e Xunta de Galicia, Concellería de Cultura. Nos últimos anos ven participando na Noite Coral lucense (anos 2018, 2019 e 2021). Ten gravados dous cedés: Dez anos cantando (2001) e Vinte anos cantando (2011). Desde hai preto de 30 anos o seu director é Fernando Gómez Jácome.
Fernando Gómez Jácome iniciouse na música con Xosé Castiñeira á idade de 14 anos. Aínda que a súa formación musical é basicamente autodidacta, formouse en dirección coral con mestres nacionais e internacionais como Manel Cabero, Javier Busto, Julio Domínguez, Carl Høgset ou Fernando Eldoro, e en técnica vocal con Antón de Santiago, Montserrat Pueyo, Kevin Smith, entre outros. Ten impartido seminarios, cursos e obradoiros de música coral na Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de A Coruña e para outras institucións. Nos últimos anos forma parte do equipo docente do Curso de Música Litúrxica do Corpus Christi de Lugo. No 1992 fundou o grupo vocal Solo Voces e na actualidade dirixe varias formacións corais na cidade de Lugo.